Wednesday 15 de May de 2024

A Coruña acende o Nadal con mais de 3 millóns de luces


A alcaldesa, Inés Rey, participou no multitudinario acto realizado no Obelisco

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou esta tarde no acto de acendido das luces de Nadal, que tivo lugar no escenario situado no Obelisco ante milleiros de persoas. O evento estivo conducido polo xornalista Pablo Portabales e estiveron presentes diferentes membros da corporación municipal.

A xornada comezou con animación para os nenos e nenas, que fixeron debuxos cos que participaron no sorteo de acendido das luces. Houbo un espectáculo de maxia a cargo de Cayetano Lledó, que deu paso ao acto final. A alcaldesa escolleu dous debuxos ao azar e os dous nenos agraciados foron os encargados de pulsar o botón que activou as luces de Nadal.

“Hoxe acendemos na cidade máis de tres millóns de luces de Nadal, que estarán repartidas polos diferentes barrios e distritos con 534 arcos luminosos. Queremos que o Nadal da Coruña se viva en todos os barrios”, sinalou a alcaldesa. Tras o acto de acendido houbo unha actuación musical de Sisters in the House, que celebran este 2023 o 15 aniversario da súa formación.

En relación á iluminación de Nadal, este ano cóntase con 3.350.000 puntos led de baixo consumo, repartidos en 534 arcos. Hai decorados nos diferentes barrios 198 farois, 53 árbores e un total de 222 rúas con iluminación. Ademais, A Coruña volve a contar coa árbore luminosa de 20 metros do Obelisco e coa bóla de 12 metros da Mariña. Este venres comezou a actividade tamén nas atraccións da praza de María Pita.